Friday 03 de May de 2024

Éxito do talento culinario coruñés na segunda xornada de Madrid Fusión


Os cociñeiros coruñeses Manuel Triay e Sheila Barbeito elaboraron diferentes propostas con produtos de proximidade

Milleiros de persoas achegáronse este martes ao espazo de Saborea A Coruña para continuar descubrindo e degustando pratos galegos co mellor produto coruñés e elaborados polos cociñeiros locais Manuel Triay, da Taberna Triay, e de Sheila Barbeito do restaurante Roots Coruña. Así, A Coruña continúa afianzándose como potencia gastronómica na segunda xornada de Madrid Fusión, que está tendo lugar en IFEMA Madrid.

Hoxe a xornada comezou cun almorzo doce a base de chocolate de Chocolate Express e bica de Amasarte. Xa na sesión vermú foi posible degustar unha empanada de roxóns de Casa Pardo acompañada de patadas fritidas Bonilla a la Vista, conservas Amieiro e vermú ecolóxico Lodeiros. Ao mediodía celebrouse a Ruta da Tapa con bolos de vento de cocido galego e callos á galega.

Por outra banda, no espazo de Saborea España desenvolvéronse diferentes actividades como unha cata de viños de Bodegas Pagos de Brigante e un obradoiro de tapas. Este último espertou gran interese polo público asistente, que puido observar de preto como Manuel Triay elaboraba un donete de cocido.
Programación para este mércores, 31 de xaneiro

A última xornada de Madrid Fusión contará de novo cun almorzo composto por bica de Amasarte, cremas Lenatt e infusións Orballo. Máis tarde, o público poderá degustar mexillóns en escabeche da Lonxa da Coruña, acompañados por broa de Amasarte, patacas fritidas de Bonilla a la Vista e vermú ecolóxico Lodeiros.

Ao mediodía terá lugar unha maridaxe de diferentes produtos que estiveron presentes no Concurso de Tapas Picallo. Manuel Triay elaborou o prato Roupa Vella e Sheila Barbeito as Gyozas Picadillo. Todo, acompañado de viños Adegas Bordel.

Pola tarde continuará o momento doce con produtos de Amasarte, Obrallo, Lenatt e Bonilla a la Vista.